concello de BERGONDO - Xoia das Mari�as

Inicio » #Descubre Bergondo » Historia

Historia

A+ A- Impresora - Imprimir Correo - Enviar

Etimoloxía

Etimolóxicamente, Bergondo indica unha orixe céltica ou xermánica, que faría referencia ó rei Brigo, ou a unha elevación montañosa: berg. Do mesmo xeito, o topónimo Lubre é atribuído ó bosque sagrado dos celtas.

 

Documentos

O primeiro documento que fai referencia concreta a Bergondo está datado no ano 1138, onde se cita o abade Recendus de Burgundio, confirmando unha doación feita polo Conde de Traba á sua filla Urraca. Asimesmo, no testamento desta última (1193) tamén temos alusións a este topónimo, cando Urraca deixa unha doación ó mosteiro chamado de Bergondo.

 

Os castros

Ainda que non están visibles na súa maioría, existen numerosos castros neste municipio que son testemuña de asentamentos prerromanos. Exemplo deles son castro de Rebodero na parroquia de Ouces, Bergondiño na de Bergondo, Os Fornos, en San Xoán de Lubre, o de Carrio (Bergondo), Santa Marta de Babío, San Fiz de Vixoi, Montecelo e Pazos en Moruxo, e o castro do Monte da Fame en Guísamo.

 

Lendas, tradicións e persoaxes históricos

A tradición conta que foi o apóstolo Natanael o que predicou por primeira vez o cristianismo por estas terras. Tamén se situaría nestas terras bergondesas a lenda do “Peito Bordel” ou tributo das 100 doncelas, onde se conta cómo no intento de secuestro das fillas de Fernán Pérez de Acuña, señor do pazo de Armuño, para utilizar como tributo ó noble moro Peito Bordel, os irmás destas doncelas botáronse contra o enimigo e o derrotaron armados somente con ramas de figueira, no lugar de Ouces.

Consérvase un romance de Herbella de Puga, do ano 1814, que fai referencia a este suceso:

Presentados los Figueroas,
que heroicos recuperaron
de los moros las doncellas
del feudo de Mauregato.
Cuando al ver que las llevaban
cautivas, perros malvados,
para su Peito Burdelo,
valientes se abalanzaron

a unos ramos de higueras
con los cuales batallaron
vencido el enemigo,
quedaron dueños del campo,
restituidas las doncellas
a sus casas y palacios,
y cinco hojas de higuera
en su escudo colocaron.



Dous personaxes protagonistas da primeira guerra irmandiña, Martiño de Ouces e Roi Xordo das Mariñas, eran orixinarios destas terras. No ano 1469, María das Mariñas fundou o morgado do que provén a denominación da comarca, pertencendo á mesma case tódalas parroquias actuais de Bergondo, e algunha dos actuais concellos de Sada e Oleiros.

 

Ruta xacobea

Antigamente, pasaba por parte do territorio bergondés unha das rutas xacobeas que ían cara a Compostela pasando por Betanzos. Esta ruta era frecuentada polos pelegríns que chegaban das illas británicas e Irlanda, ó pequeno porto de Fontán, preto de Sada, que despois de cruzala, subían pola Costa de Ouces, atravesando esta parroquia, así como a de Lubre, Bergondo e Santa Marta, para encamiñarse dende Miodelo cara a Betanzos pola actual estrada. Todo isto ven recollido nun interesante, e ata hai poucos anos, inédito artigo de Francisco Vales Villamarín, que se pode descargar á dereita desta páxina.

 

Xoiería

Bergondo ten fama de habilidosos xoieiros e prateiros xa dende o século XVII, cando se lles concedeu o dereito á cidadanía da cidade de Betanzos. Actualmente Bergondo acolle as máis importantes fábricas de xoias de Galicia, unha xoiería artesanal, cunha alta valoración nos mercados nacionais e internacionais.


La Casa de Armuño (César Vaamonde Lores), onde se menciona o episodio do Peito Bordel




Concello de Bergondo - Estrada A Coruña, 12 15165 - Bergondo (A Coruña)
CIF P1500800F
Telf. 981 79 12 52 - Fax 981 79 42 33

Icono Accesibilidad AA - WAI Icono XHTML Icono CSS

Problemas técnicos?Aviso legal